MIGUEL ANGEL MARTINEZ QUINTANA
Subvencionado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades da Xunta de Galicia.
A intención perseguida por este manual é:
Satisfacer os máximos contidos establecidos no currículo, de conformidade coa LOMLOE.
Contribuír a desenvolver os saberes básicos nos que incide a materia de Filosofía 1.º Bacharelato.
Dar un fundamento sólido á continuidade da aprendizaxe, concretamente na materia de Historia da Filosofía de 2.º de Bacharelato.
Este manual está artellado arredor dos tres saberes básicos que establece a LOMLOE, que en realidade son seis, repartidos en:
A filosofía e o ser humano:
1. A reflexión filosófica arredor da propia filosofía.
2. O ser humano como suxeito e obxecto da experiencia filosófica.
Coñecemento e realidade:
3. O problema filosófico do coñecemento e a verdade.
4. A cuestión da natureza última da realidade.
Acción e creación:
5. A acción humana: filosofía ética e política.
6. A reflexión filosófica arredor da creación artística.
Concretámolos en 8 temas por razóns didácticas e en relación coas competencias específicas que guían os criterios de avaliación. O que sería o noveno referido ás mulleres filósofas pareceunos máis acaído tratalo de xeito transversal en todos os temas.
Cada tema consta de:
1. Portada ou páxina inicial de achegamento cunha obra de arte e un texto filosófico acompañado dunhas cuestións para pensar e traballar.
2. Saberes básicos ou desenvolvemento da temática por apartados, coa información imprescindible para adquirilos, organizada en varias partes correspondentes a cada saber básico. Ademais, nas marxes de todos os apartados hai textos filosóficos breves que ilustran os saberes básicos e poden ser comentados na aula ou fóra dela. Esta información complétase coa bibliografía proposta e as lecturas dos textos da Aula Virtual de Baía Edicións, que ao longo do libro veñen sinaladas co indicador Lectura [n.º]. Esta parte non pretende ser un fin en si mesmo, senón un apoio lector ao alumnado que lle permita construír a súa concepción non dogmática dos problemas e desenvolver o propio xuízo e autonomía moral.
3. A filosofía nos textos, fragmentos de textos filosóficos relevantes para ler e traballar que presentan o pensamento filosófico de autoría diversa, pero especialmente dando visibilidade ao pensamento das filósofas e puntos de vista non dominantes.
4. Actividades e Aplicacións diversas presentadas arredor de 5 modelos:
Ideas e conceptos.
Problemas.
Filosofemas que dan para pensar.
Texto.
Láminas ou cadros para comentar.