Este libro recolle integramente os seis últimos anos de «No fondo dos espellos», a sección que, sábado a sábado, X. L. Méndez Ferrín publicou no Faro de Vigo desde 2007. Trátase dunha achega poliédrica a temáticas relacionadas coa cultura, a política, a historia, a literatura, o mundo animal, a gastronomía ou o mundo Rom, entre outras. A súa lectura ofrécenos unha magnífica oportunidade para a reflexión e, asemade, para o goce, sen deixar, nunca, de aprender.