Rogelio Groba, meditacións en branco e negro é algo máis que un simple libro de memorias. Esta sinfónia autobiográfica en catro movementos é a historia viva da música clásica galega no último medio século, que é tanto como dicir o seu mellor capítulo, retratada por un dos seus principais protagonistas.
Desde que Rogelio Groba naceu en 1930, o seu vencellamento coa música foi unha constante. A enorme afección ás bandas populares supuxo para el un acicate nunha loita na que se viu só. Nesa soidade do corredor de fondo foi debullando setenta anos da súa vida, facendo os poucos moldes existentes, e dotando a música galega dun dos seus catálogos máis amplos, universais e universalistas. Porque o mestre Groba quixo abrir a música galega ó resto do mundo a través da súa particular interpretación e do seu traballo minucioso e fructífero, que se viu recompensado cunha morea de recoñecementos.
O libro vai acompañado do CD audio Anacos que non é máis que unha sinxela mostra, unha escolma dalgunha obras escritas ó longo da súa vida polo Maestro Groba. Trátase simplemente de ofrecer unha sucinta visión do que se agocha tralos milleiros de páxinas de papel vexetal pautado que vén gardando ó longo de case medio século de traballo. Tratouse de recoller un abano amplo do seu traballo: musical coral, sinfónica, de cámara, para piano, para banda... Perseguíase, deste xeito, facer a un tempo un disco ameno e representativo do seu traballo.